O xulgado do Social número 3 da Coruña emitiu unha sentenza que condena Mercadona por vulnerar a liberdade sindical dunha afiliada á CIG-Servizos e ordena o cesamento inmediato do seu comportamento contrario a este dereito fundamental. A empresa terá que lle aboar á traballadora os 3.175 euros en concepto dunha prima que lle negou inxustificadamente.
20/12/11.
Os feitos remóntanse ao momento no que esta traballadora participou na lista electoral da CIG-Servizos, candidatura que, por certo, decaeu debido ás renuncias de todos os seus integrantes, salvo a demandante, por mor das ameazas da empresa. Posteriormente, a empregada declarou por escrito, no procedemento arbitral de impugnación das eleccións, a existencia de presións aos candidatos do sindicato nacionalista.
As represalias de Mercadona non tardaron en chegar. Trasladárona da súa sección á peor caixa do centro e modificáronlle os horarios. Ambos feitos foron demandados pola CIG-Servizos noutro procedemento xudicial.
Mais o obxecto do presente caso foi a negativa da empresa de abonarlle en 2010 a prima por obxectivos, gratificación que a traballadora percibira nos exercicios anteriores.
Na entrevista previa á concesión desta prima, Marcos Cabado Burgo, coordinador do seu centro, sito na Avenida de Fisterra, na Coruña, reprochoulle estar “dañando la imagen de Mercadona” por ter intervido no laudo arbitral. “No puedes ir a un juicio –en referencia ao procedemento arbitral- a hablar mal de Mercadona, a hablar mal de mí”. “Tú sabes que la CIG está en contra de Mercadona”. O coordinador, non obstante, recoñece que a empregada traballa ben: “Incluso el trabajo lo haces mejor que el año anterior, pero vas en contra de Mercadona”. Todas estas afirmacións, que Cabado Burgo recoñeceu como propias, foron reproducidas no xuízo e consideradas como feitos probados.
O maxistrado conclúe no fallo que a denegación da prima por obxectivos, regulada no artigo 20 do convenio da empresa, veu motivada “exclusivamente polo feito de que a mesma (a traballadora demandante) integrara a lista da CIG ás eleccións”.
Casos coma este poñen de manifesto a grande importancia que teñen as gravacións en preitos relacionados co acoso laboral ou a conculcación do dereito fundamental á liberdade sindical. Esta clase de probas son cruciais para demostrar ante un xuíz as presións, ameazas ou coaccións sufridas, máxime cando non existen testemuñas presenciais ou, habéndoas, non estean dispostas a declarar a verdade.
Fuente:
http://cigservizos.org/nova/2011.12.20/condenan-mercadona-por-vulnerar-liberdade-sindical
No hay comentarios:
Publicar un comentario